Ana Gesto se autodefine como performer e artista visual. Artista poliédrica que deseñou ao longo da súa traxectoria profesional un universo simbólico de obxectos trasmutados que flutúan entre estética, materia, son e emoción. Aínda que a súa produción artística atópase a medio camiño entre a performance, o vídeo-creación e a fotografía, a súa obra acusa unha forte tendencia cara á linguaxe escultórica e a experimentación acústica como medio para reafirmar a súa identidade cultural e as súas raíces.
A artista centra as súas inquietudes no potencial escénico e documental do medio performático que, tendo ao propio corpo como soporte, permítelle indagar na evocación sensorial doutros tempos e espazos, a interacción entre os diversos elementos híbridos que conforman o seu imaxinario estético, a construción dun ambiente invadido por referencias harmónicas e disonancias superpostas… Enerxía e paixón a través de accións intensas e solemnes, dun lirismo, ás veces dramático, só roto en certas ocasións polo estudado emprego da fina ironía ou a implicación do público nas súas accións.
Por iso, cada peza é única en si mesma e, ao tempo, dialoga abertamente coa súa produción pasada e futura, pois o compoñente procesual e evolutivo forma parte do resultado final.
Texto de Patricia Cupeiro