.Bartolomé Ferrando e Avelino Saavedra_______________
A partir de un gruñido de letra é unha peza musical que une os sons do instrumento e do obxecto cos da voz a partir dun exercicio de dobre improvisación. Cada suxeito escoita as sonoridades do outro e ábrese un camiño no territorio exposto polo primeiro, que multiplica así as liñas de percorrido. As palabras desfixéronse en anacos e aparecen como burbullas nun mar de ruídos e sons. Entre eles, algúns poden ser coñecidos; outros, permanecerán herméticos á nosa memoria sonora. O concerto, que ten as súas raíces no visceral e intuitivo, non deixa de ter algúns compoñentes racionais na súa organización interna. Entre a música e a poesía sonora, gongs, instrumentos de plástico e anacos de papel mestúranse balbucidos, glissandos, repeticións, murmurios e multiplicacións da voz. Berros metálicos. Ruídos de letra. Unha voz que fala cara a atrás tenta captar o primitivismo orixinario da fala que se enreda con sons e ruídos articulados, non sometidos a ningunha orde ríxida. Poesía enmarañada de música. Sonoridades tecidas de voz e de xestos. As palabras xa non falan: só xemen, esvaran, estalan ou desaparecen entre trazos sonoros e esferas de ruído, na música improvisada de Avelino Saavedra e Bartolomeu Ferrando.
.Andrés Galeano_______________
Cue & Review tematiza o canto de aves cantoras en catividade e o fenómeno español de «Los pajareros». É unha tentativa de facer unha performance emulando un paxaro engaiolado que canta.
A performance baséase en series de accións rápidas que interactúan con máis de vinte obxectos. Moitas destas accións son accións-citacións provenientes do mundo da aeronáutica e do aviar ou da imaxinaría colectiva relacionada co voar e os seus mitos. Os movementos dun paxaro (engaiolado) e as veloces frases do seu canto dan a clave para a estrutura reiterativa, o repertorio de sons e o ritmo das accións desta performance humano-aviar.
.Pere Sousa_______________
A partir dunha exposición de arte postal que organizou en homenaxe a Kurt Schwitters a mediados da década de 1990, empezou a interesarse profundamente pola poesía fonética e concretamente pola obra de Schwitters. Así, daba o salto ao baleiro recitando a peza magna da obra de Schwitters, a Ursonate, e a partir de aí todo o resto da súa obra e das vangardas históricas, ao tempo que investigaba nas bibliotecas e —sobre todo— nas publicacións da época.
Schwitters afirmaba que «todo o material percibido polo ollo é apropiado para a arte, polo que todos aqueles sons atopados son apropiados para a poesía», e seguindo esta máxima fun creando textos para ser recitados, textos que adoito titular como poemas atopados, experimentos sobre lectura casual de elementos sonoros da vida cotiá, palabras oídas na rúa ou lidas nos carteis.
.Carme Viñas_______ ________
É para min un acerto a toma de atención cara ao espazo-tempo entre un ente humano e La Hieràtica, nave subministradora espacial pousada sobre a Terra. Cables e ideas, sensacións e desexos do humano cara ao alieníxena.
Desexo ineludible da chegada da nave. Así é como empeza a historia; o desexo prodixioso de encher e así completar «o meu quefacer de música» en tempo real. Solápanse. Fúndense nunha soa vida humanoide interestelar cósmica galáctica.
La Hieràtica aparece baixo Tomorrow never comes, lema do proxecto. Un mañá que non vai chegar, porque o agora e o hoxe son dunha potencia tal que o ensombrecen. Hai pensamento decadente si, melancólico, é obvio. Hai desexo de conciencia cara ao hoxe vivido, desexo de comunicación e quizais o desexo dunha proposta alieníxena para subir á nave. Tomorrow never comes porque canto ao agora-desexo. A peza Tomorrow never comes podería ser representativa do grupo. Existe unha complicidade e un entendemento que chega ao estómago.
Para Chámalle X vou afondar nunha reinterpretación deste tema: Tomorrow never comes. Vou interpretalo coa variabilidade do factor tempo. Un tempo que se alonga e dilata ata un infinito de vinte minutos, cos seus altibaixos, amaneiramentos, bucles, interseccións, profundidades e cambios inconscientes. Quizais o baleiro.
Coa espera cantando cara ao alieníxena desexado soa unha e outra vez a melancolía, outra clave oculta na obra de Carme Viñas sempre tinguida de forza reconstrutiva e consciencia tranquilizante.
.María Roja_______________
No traballo creativo de María Roja conflúen disciplinas diferentes que comparten como denominador común un marcado interese pola problemática do corpo ligada aos conceptos de memoria e temporalidade. Este traballo concrétase en pezas baseadas nunha insistencia, nun xesto ou nun movemento repetido, nun acontecemento incapaz de desenvolverse. Todas estas estratexias sérvenlle á artista para reflexionar sobre a imposibilidade de controlar o corpo e a súa complexa relación co seu contexto.
A proposta artística que formula Sonia Tourón sitúa o seu corpo como materia e lugar para a acción; como problema, material e experiencia. A performance, a maioría de veces filtrada pola lente da cámara de vídeo ou a cámara fotográfica, é o vehículo mediante o cal investiga o seu corpo en relación coas súas accións, co espazo como contexto e co tempo que transcorre sobre el. Ao unir estes elementos, créase un tipo de obra que se despraza cara á pintura ou á escultura, utilizando as características propias de cada medio segundo o seu interese.
Toda esta articulación de conceptos manéxase como elemento de análise e de experimentación para encontrar nas súas unións e límites o especial, o que nos escapa na nosa mirada cotiá. A unión insólita de elementos xera novos sentidos; cada peza dispárase en múltiples insinuacións e é o público espectador o encargado de resolvela, de redirixila ou de ampliar o sentido desta.
Dende as dobras, todo se desarticula: o medio, a acción e o corpo forman un todo aberto a novas interpretacións. A súa entrada irónica á peza permite aprehender o problema dende unha posición distendida, utilizando unha formulación crítica para xerar novas perspectivas que leven o cotián ao inestable e ao desconcertante.
.Monserrat Palacios e Llorenç Barber______________
Las andadas, concerto para voz e campás de Montserrat Palacios e Llorenç Barber.
Un feixe de situacións de escoita en procesión en que o motus, o tránsito e os máis diversos bona temporalia se alían co esparexerse dos harmónicos —campaneiros uns, bucais outros— aos que se adhiren as máis insospeitadas músicas de altura, berros de xúbilo, músicas faladas e de cantar que é un coser fíos de voz, aires sonoros e foles corporais en resonancia. Andar é musicar o espazo, darlles ás andadas é compor os tránsitos mediante irregulares rapsodias de distancia, velocidade cambiante, intermitencias, claros e recaladas. Ser dous en escena permite e ata esixe permutar o arriba polo abaixo, a ruminación co bucinazo, a alternancia do só e o dúo ou a contraposición e a imitación sen canon. Dalgunhas músicas dise que deteñen o tempo. As andadas son músicas que non deteñen nada nin a ninguén; todo o contrario, convidan a tomar alento e modos de moi distinta axuda, convidan tamén a oír cos ollos, coa pel, cos músculos e cos seus xestos, e estes son herméticos non á composición nin á escritura, nin sequera ao modo de darse aí concreto dun fronte aos outros. A música das andadas é pura dilapidación, vociferante agravio que pregunta, desafiante embude de todos os tempos: as andadas son tempo ao noso favor.